Día internacional da Muller

Día internacional da Muller

O Concello de Pontedeume dentro da Campaña de sensibilización “Crecendo en Igualdade” que impulsa con motivo do día 8 de marzo “Día Internacional da Muller”, ten previsto realizar unha serie de actividades dirixidas á comunidade eumesa en xeral.

O obxectivo da campaña é facer visible o máis posible as realidades que a día de hoxe seguen a colocarnos ás mulleres en contextos de desigualdade real, a pesares dos avances experimentados co desenvolvemento de distintas disposicións legais, en materia de igualdade de xénero. Na consecución deste obxectivo temos que estar comprometidos, non só esta administración, senón toda a cidadanía. Ambos somos corresponsables no proceso de construción dun novo modelo de sociedade máis equitativo e xusto.

Na presente edición achegamos o concepto de “corresponsabilidade doméstica” mediante cortos de animación que se difundirán a través das redes sociais. Entendida esta como o reparto equilibrado das tarefas domésticas e das responsabilidades familiares tales como: a súa organización, o coidado, a educación e o afecto das persoas dependentes dentro do fogar, todo iso, co fin de distribuír da maneira xusta os tempos de vida de mulleres e homes.

A nivel municipal, e dirixida a todo o persoal da administración local, está previsto realizar as II Xornadas formativas en materia de igualdade de xénero nas que se traballará a comunicación inclusiva, para favorecer a incorporación da transversalidade de xénero en todas as áreas municipais.

Por outra parte, a campaña achégase aos centros escolares e a cidadanía en xeral coa compañía de teatro TRÉMOLA TEATRO que as 16:30 h. e ás 20:00 h. na Alameda de Rajoy o propio día 8 darán un novo final a contos tradicionais.