Visitas Virtuais

Home / Visitas Virtuais

Visitas virtuais

Descubre o interior do patrimonio histórico eumés.

Torreón de Andrade

O Torreón, actual Oficina de Turismo e Centro de Interpretación dos Andrade, cos seus 18m. de altura e 11,5 de lado, é o último resto do pazo dos Andrade que completaba o recinto amurallado da vila no lado oeste, e que posiblemente foi construído por Fernán Pérez de Andrade o Bo a finais do século XIV. En 1905 pasou a ser propiedade do pobo e en 1911 unha parte foi demolida para abrir a estrada da estación de ferrocarril. En 1936 desapareceu o resto, posibilitando unha considerable expansión da praza do Conde.

Na década de 1930 colocouse o escudo de armas de Don Ginés Ruiz de Castro Andrade, situado anteriormente na fachada principal do pazo, e en 1951 realizouse a coroamento e abriuse a porta que dá á praza do conde.

Igrexa Parroquial de Santiago

A capela principal coa antiga sancristía foi construída por D. Fernando de Andrade no primeiro terzo do s. XVI. Cuberta cunha bóveda estrelada, nela, xunto ao Santiago sedente de granito polícromo de finais do s. XIV, atópase o retablo renacentista, feito en 1530 e ampliado e dourado en 1564 polos descendentes inmediatos de Don Fernando. As súas pinturas sobre táboa de ciclos da Paixón teñen unha unidade estilística indiscutible, máis próxima ao Gótico flamengo que ao Renacemento.

O resto da igrexa é unha obra patrocinada polo arcebispo de Santiago, nado en Pontedeume, Don Bartolomé Rajoy y Losada, realizada entre 1756 e 1763. A fachada coas súas torres, obra destacada do barroco galego, foi contratada por Alberto Ricoy.

Ermida de San Miguel de Breamo

A ermida de S. Miguel de Breamo atópase no alto de dito monte, a uns 3 km de Pontedeume, seguindo a estrada N-561 e tomando o desvío no lugar de O Barro. Durante a subida á ermida pódese contemplar unha das vistas máis fermosas de Pontedeume, o nacemento da ría, a praia da Madalena de Cabanas e a desembocadura do río Eume. A igrexa, do século XII e pertencente ao estilo románico, é de cruz latina e tres ábsidas semicirculares. En Galicia soamente responden a esta tipoloxía outras tres igrexas.