Parques e xardíns

Home / Descobre Pontedeume / Parques e xardíns
ALAMEDA

Alameda de Rajoy

Antiga horta do convento dos Agostiños, pasou a mans privadas e no ano 1864 foi adquirida polo Concello de Pontedeume. O seu uso foi nun principio o de espazo destinado a compravenda de animais. Esta actividade celebrábase o día 18 de cada mes, e por este motivo era chamada o Campo da Feira e tamén Campo de Rajoy, pola rúa de dito nome que lle dá acceso.

Despois de diversas transformacións (como a construción do muro que limita coa estrada a Betanzos), nivelacións, desmontes, plantacións de árbores, etc., adquiriu a súa configuración actual e desde 1913 substituíu a praza de San Roque como escenario de celebración de verbenas populares. En 1925 situouse o monolito en homenxe ao arcebispo Bartolomé Rajoy y Losada. A súa configuración foi renovada recentemente.

Alcalde Sarmiento

Parque situado no ángulo que forma a estrada da Coruña coa avenida de Ricardo Sánchez, zona tamén coñecida polo nome de “Gabarras”. Serviu de escombreira ata que, sendo alcalde D. Juan Sarmiento Patiño, se decidiu contruír este parque denominado “Parque Municipal” da vila. As obras remataron no ano 1959, e nun principio baraxáronse dous nomes: Fernando de Andrade ou Juan Sarmiento. O 30 de setembro de 1971 nomeouse a D. Juan Sarmiento Patiño fillo adoptivo e acordouse a denominación de Parque Alcalde Sarmiento.

lombardero

Xardíns de Lombardero

Ocupan o lugar da antiga horga do Conde. A súa creación data do ano 1911, nun principio co nome de “Parque do Marqués de Figueroa”. Nestas datas comezaron os traballos para a súa realización, pero por falta de cartos a obra pospúxose e continuouse no ano 1917 grazas á aportación privada de dúas mil pesetas.

Na sesión da Corporación do 22 de decembro de 1934 facíase mención ao parque do Marqués de Figueroa, así como na sesión do 1 de xullo de 1944. Con todo, a denominación de Xardíns de Lombardero foise consolidando e xa en 1952 este espazo era coñecido como tal, aínda que sen un acordo oficial.

Conta con parque infantil desde 1969 e con exemplares arbóreos singulares.

Parque de O Muiño de Vizús

Situado no lugar de Vizús, na parroquia de Santa María de Centroña, trátase dun parque renovado recentemente e que conta cunha pequena pista deportiva, un pequeno parque infantil e elementos para ximnasia ao aire libre. Posúe bancos e fonte, ademais dun cruceiro e os restos dun muíño.

Parque da Avda. da Estación

Situado no ensanche occidental da vila, foi remodelado no ano 2017. Constitúe un espazo agradable para sentarse á sombra das súas palmeiras, conversar ou para que os nenos xoguen. A presenza dun “toilekan” convírteo nun parque urbano axeitado para pasear coas mascotas.

Parque de Centroña

Na parroquia de Santa María de Centroña, está situado a carón dunha pista polideportiva e conta cun pequeno parque infantil, bancos e mesas e unha magnífica panorámica sobre a ría de Ares. Consitúe un bo espazo de lecer para quen se achega.

Parque da antiga escola unitaria de Nogueirosa

Situado na parroquia de San Cosme de Nogueirosa, xunto á antiga escola unitaria e unha pista polideportiva. Conta con bancos e un pequeño parque infantil e constitúe, como antigamente, un espazo de lecer e xuntanza para as xentes da parroquia.

Parque Paseo Fluvial Rosalía de Castro

Ubicado no Paseo Marítimo con una lonxitude de máis de un kilómetro é un sitio apto para o uso de bicicleta ou patines. O seu entorno a carón da desembocadura do río Eume é un lugar óptimo para o avistamento de aves e do seu banco marisqueiro. Conta cun parque infantil e biosaudable.

Parque Urbanización Olmo

Lugar de lecer conta con parque infantil, xogos, zona verde e bancos para o descanso. Ubicado na Urbanziación Olmo preto do local social da Unidade Veciñal Olmo.

Area recreativa de Breamo

Localizada ao carón da ermida románica de San Miguel de Breamo é un lugar ideal para o descanso. Equipado con mesas para comer e amplas zonas de céspede.