Turismo - Parques - Fragas - Flora e Fauna
 










Flora e Fauna

Os bosques presentes na zona de influencia do río Eume teñen características moi diferenciadas; entre eles distínguense os de frondosas (podemos encontra-las fragas de carballo, clase Querco-fagetea, asociación Blechno-spichant), e as fragas de ameneiros (Populetalia); ribeira (fragas riparias de alisos, Senecio-alnetum); e piñeiros de repoboación.

Os bosques de ribeira teñen un importante valor científico, xa que albergan especies con presencia nas nosas latitudes cada vez máis escasa, así como varios endemismos.

Unha importante riqueza florística destas fragas constitúena unha alta porcentaxe de flora criptogámica e as aproximadamente 25 especies que compoñen a flora pteridológica.

En canto á flora briofítica, a riqueza destas fragas é excepcional. Aquí están representadas 221 especies ( 85 hepáticas e 136 brións) do total de 471 especies coas que conta a bioflora galega; destas especies, 52 son novas para Galicia.

Valor similar ten a flora liquénica desta paraxe, con tres especies novas para Europa continental e 24 para a flora española.

Deste modo destacaremos entre a flora a Woodwardia radicans, Culcita macrocarpa, Trichomanes speciosus, Narcissus cyclamineus, e mailo Narcissus asturiensis.

En canto á FAUNA, a gran productividade, a temperatura suave e a boa humidade existente, xunto co carácter climático das fragas, son factores que fomentan un excepcional interese no aspecto zoolóxico.

En canto ós invertebrados, son destacables moitos taxons estrictamente dependentes de certas especies vexetais e algunhas especies vexetais dependen dalgún invertebrado, normalmente insectos.

Existen especies de invertebrados endémicos de Galicia e de Europa, como a Elona quimperiana, Geomalacus maculosus, Margaritifera margaritifera, Coenagrion mercuriale, Euphydryas aurinea e o Lucanus cervus, e outros de importancia, como a Belgradiella rolani.

En canto a anfibios e réptiles, podemos destaca-la Chioglossa lusitanica, a Rana iberica, Lacerta montícola subsp. cantabrica, e a Vipera seoanei.

A especie Chondrostoma polylepis, sinalarémola como exemplo de peixes das augas do Eume

Esta paraxe sérvelles de refuxio ás poucas poboacións dalgúns vertebrados ligados ás fragas e ó mato, moitos deleos ameazados ou en perigo de extinción, aínda que protexidos por diferentes normas.

Da clase dos mamíferos, sinalarémo-lo Rhinolophus ferrum-equinum; Myotis myotis; Lutra lutra; Galemys pyrenaicus;Rhinolophus hipossideros; Canis lupus; Felis sylvestris; Genetta genetta; Glis glis; Martes martes; Mustela erminea e o Sorex granarius, entre outros.

En canto ás aves da fraga, tamén posúen un importante interese, sobre todo as aves depredadoras, como o Pernis apivorus, Bubo bubo, ou o Caprimulgus europaeus. Tamén atoparemos un gran número de aves migradoras.

En resumo, a fauna superior de vertebrados pódese sintetizar do seguinte xeito: 8 especies de peixes; 15 especies de anfibios; 14 especies de réptiles; 103 especies de aves; 41 especies de mamíferos.


CQpro.com