Concello - Concellerías - Infraestucturas e Urbanismo
 










Concellería de Infraestucturas e Urbanismo

Bernardo Fernández
Enderezo.: Ricardo Sánchez
Telf.: 981 495 500
E-mail.:


Novedades

Os concellos de Pontedeume e Cabanas levana cabo con axudas públicas a elaboración dunha estratexia conxunta de sustentabilidade ambiental para a adaptación da xestión e planificación pública ó cambio climático

O proxecto contou cunha achega da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020

Baixo a denominación “Sustentabilidade na porta do Eume, desde o mar ata as fragas”, os concellos de Cabanas e Pontedeume desenvolveron nos últimos meses un proxecto conxunto que vén de concluír coa elaboración dunha estratexia de sustentabilidade ambiental que permitirá adaptar a xestión e planificación pública ó cambio climático, minimizando o seu impacto no territorio. Este proxécto atópase enmarcado no obxectivo específico 05.01.01 "Desenvolvemento de coñecementos e elaboración de Plans en relación coa adaptación ao Cambio Climático e a Prevención de Riscos e Análise sectorial da adaptación ao cambio climático en Galicia"

O proxecto contou cunha axuda económica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020. Así, ambos concellos recibiron unha achega pública de 9.000 euros, o que supón un cofinanciamento do 64.29%. Os concellos de Cabanas completaron a financiación do proxecto cunha aportación de 2.500 euros cada un, o 35.71% restante.

O proxecto nace da importancia ecolóxica e ambiental que para ambos concellos ten o río Eume, elemento de unión de primeiro nivel. Trátase dun eixo vertebrador entre dous espazos naturais cun especial atractivo turístico, como son o propio océano, unido a través da praia da Magdalena, e as Fragas do Eume. Non só iso, o proxecto baséase na conciencia de ambos concellos cara a necesidade de ser especialmente coidadosos na planificación e xestión municipais, e da sensibilidade cara aos efectos que o cambio climático pode provocar no territorio.

O traballo realizado contemplou un traballo técnico, que partiu dun diagnóstico da situación actual e rematou coa redacción dos distintos plans e un proceso participativo, que se articulou en paralelo ao traballo técnico tomando en consideración as opinións e valoracións dos distintos sectores económicos e sociais. Participación que continuará vixente en sucesivas fases.

Os obxectivos desta estratexia de adaptación ao cambio climático centráronse en desenvolver un marco para coñecer e avaliar a vulnerabilidade dos concellos participantes fronte ao cambio climático; deseñar un marco político integral que contemplase os riscos climáticos e a súa capacidade de adaptación; planificar o seguimento dos impactos do cambio climático no eido dos concellos participantes, e coordinar as políticas locais en materia de adaptación coas actuacións emprendidas por outras administracións e entidades.

Deste xeito, a definición da Estratexia de adaptación ao cambio climático permitiu definir políticas locais orientadas a mellorar o coñecemento do impacto do cambio climático no entorno local específico do termo municipal; contribuír ao desenvolvemento sustentable e ao cumprimento dos compromisos de adaptación ao cambio climático da xestión e planificación pública; impulsar o uso racional da enerxía e o aforro de recursos na administración municipal, pero tamén nas empresas e nos consumidores finais; adaptar a xestión e planificación pública ao cambio climático; aumentar a concienciación e sensibilización cidadá no uso de enerxías limpas e no impacto do cambio climático; integrar as medidas e estratexias de adaptación nas políticas sectoriais; prever e mitigar os efectos do cambio climático, e protexer os espazos naturais como sumidoiros de carbono.

Os destinatarios directos estiveron definidos pola poboación residente nos dous termos municipais; pero tamén nos visitantes durante todo o ano e, especialmente, na tempada de verán (meses nos cales se duplica a poboación). Así mesmo, o proceso contou coa necesaria implicación da cidadanía para obter os máximos resultados posibles, sendo unha oportunidade para fomentar a democracia participativa e a corresponsabilidade. A articulación da participación pública realizouse a través de reunións sectoriais e diferentes foros.

Tras a definición das características básicas dos concellos, a identificación de impactos e os seus efectos procedeuse á definición das actuacións a realizar para incrementar a capacidade de adaptación dos concellos ao cambio climático. Todas elas están englobadas nun plan de actuación cun horizonte de execución no ano 2020 no caso de medidas de curto alcance e 2025 para obras e infraestruturas de maior alcance. Así mesmo, as medidas/actuacións son consideradas transversais, posto que nunca actúan sobre un único vector ou sector de interese.

Os efectos potenciais do cambio climático nos concellos pódense concentrar nos seguintes:

-Incremento das secas no verán e os eventos extremos climatolóxicos no resto das estacións co consecuente dano á poboación no subministro e na alimentación animal e os cultivos e o incremento do risco de incendios.
-Incremento do nivel do mar na área costeira coa destrución de hábitats de interese, degradación das praias e alteración das infraestruturas.
Deste xeito, o plan de actuación cara a adaptación ao cambio climático divide as medidas en 3 liñas de actuación fundamentais nas que quedan agrupadas as medidas a realizar.
-Conservación e mellora das estruturas e medios existentes.
-Adecuación dos servizos para a adaptación ao cambio climático
-Educación ambiental para o cambio climático

Liña de actuación 1. Conservación e mellora do existente

-Medida 1. Elaboración dun Departamento Estratéxico de Adaptación ao Cambio Climático.
-Medida 2. Inclusión nas ordenanzas municipais das cláusulas verdes nas contratacións.
-Medida 3. Mellora da xestión da enerxía nos edificios e servizos municipais.
-Medida 4. Mellora das redes de saneamento nos municipios (eliminación dos vertidos existentes e reparación das fugas nas canalizacións).
-Medida 5. Mellora da rede de captación de auga (eliminación de consumos de bombeos ineficaces e perdas de auga).
-Medida 6. Mellora do estado das canles naturais de auga. Colaboración con Augas de Galicia e organismos de Conca para a explotación e mantemento sostible dos regatos.
-Medida 7. Rexeneración das praias afectadas por vertidos.
-Medida 8. Mellora dos accesos dentro do parque e colaboración co CMAOT cara a sostibilidade e mantemento do parque.
-Medida 9. Elaboración dun plan de emerxencia ante as inundacións (limpeza de cunetas e sumidoiros).
-Medida 10. Potenciación dos grandes núcleos de turismo. Posta en valor de castros, castelos e miradoiros.
-Medida 11. Estudo de mellora do servizo de transporte e recollida de residuos urbanos.

Liña de actuación 2. Adecuación dos servizos

-Medida 12. Dotación das parroquias sen servizo de auga potable (conservación dos acuíferos nas parroquias).
-Medida 13. Dotación das parroquias sen saneamento para evitar os vertidos aos solos e a contaminación das augas subterráneas.
-Medida 14. Dotación de tecnoloxías TIC en toda a superficie dos concellos.
-Medida 15. Elaboración dunha rede de seguemento das variables climáticas (liña 2 o liña 3).
-Medida 16. Elaboración dun catálogo de áreas con perda de biodiversidade.
-Medida 17. Adecuación dunha rede de transporte colectivo efectivo.
-Medida 18. Acondicionamento térmico dos edificios municipais.
-Medida 19. Actuación fronte a erosión dos solos. Fomento da renaturalización nos núcleos urbanos e promoción do usos dos terreos abandonados.
-Medida 20. Plan de mobilidade sostible.
-Medida 21. Estudo da aplicación de infraestruturas verdes nas áreas máis degradadas.
-Medida 22. Aparcadoiros disuasorios para as actividades de lecer. Aproveitamento da proximidade praia Madalena-Casco Histórico de Pontedeume-Fragas do Eume.
-Medida 23. Elaboración dun roteiro turístico “Do mar ata as Fragas” coa restauración dos muíños de marea.

Liña de actuación 3. Poboación e cambio climático

-Medida 24. Educación ambiental da veciñanza acerca da promoción de especies autóctonas fronte ás autóctonas e da importancia dos corredores ecolóxicos.
-Medida 25. Reutilización e reciclaxe de residuos urbanos. Composteiros.
-Medida 26. Taller de agricultura ecolóxica. Impulso dos mercados ecolóxicos coma fonte de turismo de natureza.
-Medida 27. Establecemento dun servizo de bicicletas entre os concellos.
-Medida 28. Sensibilización da poboación co aforro enerxético no fogar.
-Medida 29. Campaña de prevención na xeración de residuos. -Medida 30. Desenvolvemento campaña comunicación estratexia de adaptación.

Así mesmo, o documento constata en cada unha das medidas o seu ámbito, obxectivos, indicador aplicable, descrición, información complementaria, custe, aforro de emisións, área implicada e máis prazo de execución. Medidas coas que minimizar, no marco das competencias locais, o impacto do cambio climático no territorio.

CQpro.com